Monday 29 de April de 2024

O ciclo Poetas Di(n)versos inicia hoxe a súa décimo primeira edición no Centro Ágora


 

A cita segue constituíndo o maior ciclo estable de todo o Estado español, e mereceu en 2014 o Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural

Hoxe comeza a décimo primeira edición do ciclo mensual de recitáis poéticos que desde 2009 trae á Coruña as mellores voces poéticas de Galicia e do resto do mundo, Poetas Di(n)versos.

Faino en clave feminina e unindo poetas en árabe e galego. A cita é hoxe ás 20.30 horas no auditorio do Centro Ágora e ofrece unha lectura pública, aberta e gratuíta, de dúas autoras sobranceiras que compartirán en directo as súas propias composicións con todo o público interesado. Unha libraría de proximidade ofrecerá á venda os títulos das convidadas para aquelas persoas interesadas en levar unha copia asinada polas escritoras.

As protagonistas serán Lara Dopazo, nacida e agora tamén residente en Marín, e Manal AL-Sheikh, de Nívine. Tras o impacto da guerra, refuxiada política en Noruega, a última constitúe un dos nomes de maior prestixio da poesía iraquí contemporánea. Licenciada pola Universidade de Mosul, tense desempeñado como xornalista nunha chea de medios iraquís, árabes e internacionais mentres publicaba dúas obras narrativas e catro poemarios que axiña proxectaron o seu impacto internacional.

Pola súa banda, a galega do 1985 ten formación en Xornalismo, en Cooperación Internacional e Desenvolvemento e mais en Filosofía Práctica e, paralelamente, acadou galardóns literarios como o GZCrea, o Francisco Añón, o Nortear e o Fiz Vergara Vilariño Concitando xa un enorme interese na poesía galega moza, o

pasado curso Dopazo converteuse na primeira autora en galego becada como residente na Academia de España en Roma.

Como vén sendo habitual, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, fundadora e directora deste ciclo, conducirá o acto, presentará as autoras e lerá (no caso da iraquí) traducións ao galego que neste caso virán asinadas polo escritor Gonzalo Hermo.

A seguinte cita poética no Centro Ágora da Coruña chegará o vindeiro 25 de novembro da man do romanés Dan Coman e do lugués Manuel Darriba. Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultura en 2014, Poetas Di(n)versos segue a ser o único ciclo estable que acolle poetas internacionais de xeito regular en toda España, poñendo en valor a literatura en galego mentres abre os ouvidos cara todo o que se está a escribir en verso no ámbito mundial.